A nosa campaña de sensibilización sobre os nomes e apelidos:
CHÁMATE CON XEITO

Coa campaña CHÁMATE CON XEITO (**Llámate con jeito ?) a Área de Normalización da Universidade de Vigo quere suscitar unha reflexión entre a nosa comunidade universitaria acerca de como nos chamamos, de como nos chamaron e de como deberían ser os nosos nomes en galego e en castelán.

Esta campaña pretende chamar á reflexión serena e informada sobre a nosa identidade onomástica. Se oficialmente todos os topónimos galegos son Toxeiro ou Ameixeiras, por que os meus apelidos son Tojeiro e Ameijeiras, cando en castelán serían algo así como *Aliaguero e *Ciruelos ? En que lingua teño correctamente os meus apelidos ? En que lingua debería telos ? Prentedemos con esta campaña que a xente se pare a pensar nisto e logo opte: ou en correcto galego ou en correcto castelán, pero nunca en formas híbridas de ningunha lingua, formas híbridas que non son senón o estigma dunha asimilación non consumada.

Esta campaña CHÁMATE CON XEITO vai dirixida ás persoas que teñen o nome ou o apelido en forma regaleguizable. Por exemplo, Celia López Mariño xa é de seu un nome plenamente galego, pero en Iria Quintana Muíños deberíase regaleguizar o apelido (Quintá) e en Ángeles Sotelo Feijoo habería que regaleguizar o nome completo (Anxos Soutelo Feixó ou Feixoo), porque está en forma híbrida (a forma castelá sería *Ángeles Sotillo Habichuelo).

Nesta campaña CHÁMATE CON XEITO pretendemos que a xente, despois de reflexionar sobre o seu nome e apelidos, teña coñecemento de se estes están en forma galega correcta ou en forma híbrida e, se fose así e quixera, poida poñelos correctamente en galego, porque en moitos casos a forma castelá soaría moi rara ou mesmo sería inexistente, como podemos doadamente comprobar.

Por exemplo, se uns Carlos Ojea Losada e Marina Freijo Otero desexasen galeguizar cadanseus nomes e apelidos, nós poderiámoslles facilitar información sobre eles e tramitarlles informes oficiais da RAG ou do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo nos que constase como deberían ser eses nomes e apelidos en correcto galego, informes destinados aos rexistros civís que é onde se tramitan estes expedientes. Así, nun tempo moi breve, estas persoas deixarían de "llamarse con jeito" e pasarían a "chamarse con xeito": Carlos Oxea Lousada e Mariña Freixo Outeiro (porque en correcto castelán serían *Carlos Eugenia Losada e *Marina Fresno Cerro).

Es o visitante numero: